Declaración de Touro

O reto municipalista de cara a 2023 en Galicia

As forzas locais galegas asinantes desta declaración constatamos a situación real de Galicia en moitos ámbitos: dende a febleza do rural, tan cheo de posibilidades como baleirado, á debilidade do tecido económico que non está preparado para facer fronte á pandemia. Por iso, propoñémonos colaborar para superar o longo proceso de desindustrialización en Galicia, mellorar os servizos públicos esenciais e as baixas rendas de rescate social e achegar oportunidades para a xente do común nun país que inda está a curar as feridas da crise económica mundial.

Dada a realidade social e económica, a defensa da sanidade, da educación e dos servizos sociais obríganos a reforzar urxentemente, a través da acción política e da mobilización social, a cobertura de servizos públicos para superar esta nova crise.

Deste xeito, a sociedade galega vai moito máis alá do que o Parlamento de Galicia representou nunca e a representación política debe darlles solución aos seus retos. Para iso é máis necesario ca nunca reivindicar e defender o pluralismo social que, unha vez máis, vai ser chave do cambio político e social que tanto precisa o país.

Especialmente nesta situación social límite, o municipalismo real non vai ser alleo ao devir do país e vai recobrar especial protagonismo. Nun momento onde o continuísmo do goberno autonómico colleu folgos para seguir aplicando recortes do público, somos as forzas municipalistas as que, gobernando ou na oposición, seguimos amosando sensibilidade, coherencia e sentido común para afrontar os retos aos que se enfronta a sociedade galega, poñendo as persoas por riba de todo o demais e axudando a crear a conciencia necesaria dende a base, ao carón da veciñanza.

Para facer posible todo o dito, o único camiño é a colaboración horizontal de forzas locais, que nos identifique e agrupe sen restar independencia na toma de decisións conxuntas. Esta é a nosa aposta, porque hoxe temos claro que a revolución non virá de ninguén máis que de nós mesmas a través dos seguintes principios: 

-    Independencia no traballo local baseado en principios democráticos.

-    Compromiso cos comportamentos éticos na política.

 - Funcionamento político transversal de raíz republicana, galega e progresista como elementos básicos de acción política. 

Con estes principios básicos, neste primeiro paso, trinta colectivos locais decidimos sumar e achegar do noso para lograr o obxectivo común de non deixar ninguén atrás. Por todo o expresado, en Touro, nas ribeiras do río Ulla, cantado por Rosalía e defendido ambientalmente pola mobilización social, tomamos a decisión de conformarnos como unha confederación municipalista republicana galega que se cimenta na colaboración mutua entre iguais para impulsar o cambio político que a sociedade galega precisa.




Touro, 18 de xullo de 2020

Alternativa Mondariz, Alternativa Veciñal de Pazos de Borbén, Asambleas Abertas de Curtis, Avante Poio, Compromiso Por Muros, Compromiso polo Páramo, Compromiso por Samos, Compromiso por Sarria, Marea Sarria, Manifesto Miñor Baiona, Manifesto Miñor Gondomar, Manifesto Miñor Nigrán, Marea Veciñal de Touro, Movemento Veciñal de Neda, Porvir, Riada Do Tea, Somos Cabanas, Somos Sanxenxo, Somos Ribadumia, Valga Viva, Xuntos por Carballo (e dez agrupacións máis en proceso)